Publicidad

Isaura González, Muller do Ano 2015 en Narón

FERROL360 | Sábado 7 marzo 2015 | 12:43

Isaura González foi elixida a Muller do Ano 2015 en Narón. Desde o Concello destacan a súa traxectoria profesional e indican que ademais de ser matrona do Centro de Saúde de Narón é fundadora da asociación de apoio á lactancia materna BBTTA. «Vocación, sensibilidade e gran intuición son os adxectivos que mellor definen a esta profesional», sinalan nun comunicado.

O Concello de Narón celebrou este venres unha recepción na que participaron o alcalde, José Manuel Blanco, a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, membros da Corporación Municipal e familiares e amigos da homenaxeada. Na mesma, Isaura González asegurou sentirse «moi honrada de recibir esta homenaxe, porque axudarame a continuar traballando no camiño no que estou».

Isaura González non se limita a exercer a súa profesión no horario habitual, senón que tamén fai visitas domiciliarias e ofrece charlas de educación sexual e talleres de masaxe infantil. Ademais, colabora co Concello na atención a mulleres en risco de exclusión social e participará nas charlas sobre condución segura para embarazadas, en colaboración co Equipo de Educación Vial.

Os actos programados para conmemorar o Día Internacional da Muller complétanse coa tradicional Cea de Mulleres o venres 13 de marzo, ás 21:30 horas no restaurante Casa Becerra (San Xiao-Narón). As entradas poden reservarse no Concello ata o día 10 de marzo.

Posteriormente, celebraranse tres obradoiros de saúde autocoidados: Obradoiro de Sensibilización contra o cancro de mama, que será o 16 de marzo ás 16:00 horas, na Fundación Terra de Trasancos; Obradoiro sobre o diafragma pélvico, o 27 de marzo ás 19:00 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.

E por último o Obradoiro de autodefensa para mulleres, que terá lugar o 28 de marzo ás 10:30 horas, no Local Social de O Val.

A homenaxeada estivo acompañada por membros da Corporación, familiares e amigos (cedida)
A homenaxeada estivo acompañada por membros da Corporación, familiares e amigos (cedida)

Publicidad

Banner Plan de Igualdade do Concello de Ferrol