FERROL360 | Mércores 11 marzo 2015 | 18:24
A II Mostra Turística «Vén a Fene!» recolle máis dunha veintena de actividades a celebrar de aquí a finais do ano en todas as parroquias de Fene. Segundo o alcalde, Gumersindo Galego, o obxectivo é ofrecer unha completa axenda de actividades de ocio para a veciñanza e lograr atraer visitantes a través de actos culturais, eventos solidarios, propostas gastronómicas ou accións etnográficas.
Esta II Mostra é obrigada tras o éxito da primeira edición, asegurou o rexedor durante a súa presentación. Pola súa banda, o edil de Promoción Económica Juan José Franco afirmou que esta segunda mostra conserva todo o bo da primeira e engade innovacións que pretenden mellorar aínda máis as actividades.
Puxo de exemlo a Festa Mariñeira, que se repetirá no mes de setembro no peirao de Barallobre, apuntando que se ampliarán as posibilidades de transporte marítimo e terrestre. Tamén o Encontro de Lavandeiras de Sillobre, este mesmo mes, que incluirá a maiores da programación do pasado ano unha ruta polos lavadoiros de todo o municipio e a conferencia «Sillobre terra de auga».
Incidiu tamén na presentación de “Diarios”, o último libro de Ramón Loureiro, Fenés do Ano, o próximo día 27 no CMI de Fene. Un acto literario que confiou sexa multitudinario. Así como na reedición de eventos solidarios como o Mercado de Nadal, que tamén se celebrará no mes de abril coincidindo coa Feira de Segunda Man e Troco, ou diferentes mostras fotográficas.

