FERROL360 | Xoves 12 marzo 2015 | 17:44
O C.E.I.P. Eladia Mariño acolle este venres a partir das 18:00 horas unha Xornada de Promoción da Igualdade organizada polo Concello de Cabanas. Nela vaise presentar un estudo sobre o grao de corresponsabilidade na comunidade educativa, que foi cofinanciado polo Concello, a Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo.
A encargada de abrir a xornada será a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella. A continuación, farase a presentación do estudo cunha charla-coloquio e rematarse cunha actuación de Caxoto Contacontos.
Con este traballo buscábase conquerir un coñecemento o máis amplo posible da pervivencia de roles, estereotipos e diferenzas de xénero nos distintos ámbitos de desenvolvemento da vida dos nenos. Desta forma a metodoloxía do estudio dirixiuse a todo o tecido educativo e se obtivo información tanto dos nenos como do profesorado e familia para contrastar as diferenzas que puideran existir e recoller dun xeito diferenciado as distintas percepcións sobre o tema.
O traballo consistiu nunha primeira fase na que se realizaron dúas enquisas, unha dirixida ó alumnado e outra ás familias. Posteriormente leváronse a cabo entrevistas persoais co profesorado do centro co obxectivo de coñecer a súa percepción sobre o mantemento de estereotipos e roles de xénero entre o alumnado.
O resultado de todo isto foi un informe executivo que se repartirá entre os asistentes ás xornadas e que se espera que sirva para que tanto as familias como o profesorado, unha vez teñan conciencia das concepcións relacionadas co xénero, realicen cambios tanto a nivel de actitude como de conduta, co fin de frear as desigualdades e promover aspectos relacionados coa educación e a corresponsabilidade tanto no ámbito familiar como no centro educativo.
Durante a celebración destas xornadas tamén se levará a cabo de forma paralela unha actividade de conciliación dirixida a nenos, consistente en xogos nos que se promoverá a igualdade entre os participantes.

