FERROL360 | Luns 16 marzo 2015 | 15:06
O Grupo de Apoio a Familias de persoas dependentes de Fene celebra unha nova xuntanza este martes ás 16:30 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais. Nesta sesión, que leva por título «As consecuencias do estrés», abordaranse as situacións que poden provocar estrés aos coidadores no seu día a día, ademais de como canalizalo. Tamén se falará da diferenza entre estrés e ansiedade e as súas diferentes manifestacións físicas e psicolóxicas.
De xeito paralelo, no mesmo Centro de Servizos Sociais e á mesma hora, celebrarase unha nova sesión do obradoiro «Recuperación memoria», pensado para tratar o inicio de patoloxías, diminuíndo ou retrasando a incidencia da demencia e deterioro cognitivo.
Os participantes deste obradoiro pasan unha proba previa para valorar o seu estado e así poder adaptar as actividades ás súas necesidades. As accións están encamiñadas a mellorar a memoria, orientación e atención, así como retrasar a incidencia da demencia e deterioro cognitivo.
As sesións celébranse todos os martes de 16:30 a 18:00 horas e son gratuítas. Iso si, hai que inscribirse previamente no departamento municipal de Servizos Sociais. Desde o Concello indican que estas actividades inclúense no programa de envellecemento activo Tardes Activas, que organiza o Concello coa colaboración económica da Deputación.


