FERROL360 | Sábado 28 marzo 2015 | 20:59
Unhas cen persoas déronse cita a pasada noite no restaurante Casa Juanito, na Gándara, para escoitar as liñas maestras da campaña electoral que TEGA levará a cabo en Narón. Na convocatoria estiveron presentes o exalcalde Antonio Martínez Aneiros e os exedís Mercedes Piñeiro-primeira concelleira de Sanidade en Narón, no ano 1979-, José Luis Casal e José Luis Suárez, entre outros.
O candidato á alcaldía de Narón, Xosé Manuel Blanco, agradeceu o traballo dos exalcaldes e exedís do partido na localidade subliñando que son esas persoas «as precursoras do que hoxe é Narón, grazas ao seu traballo e esforzo».
Acto seguido, Blanco presentou ás persoas que se incorporan á candidatura do partido, ás que animou a continuar o labor iniciado a comezos da democracia para así consolidar o crecemento e determinar o prometedor futuro que se aveciña para a localidade.
Pola súa banda, osecretario xeral de Terra Galega Gillermo Sánchez Fojo asegurou que «todos nós formamos parte de Narón e debemos seguir apostando polo futuro do concello». Mostrouse convencido de que Blanco revalidará o mandato e será reelixido alcalde.


