FERROL360 | Venres 26 setembro 2014 | 16:46
O Pazo da Cultura de Narón acollerá este sábado ás 20:00 horas a comedia teatral «Demolición», da compañía Talía Teatro. Trátase unha obra escrita e dirixida por Candido Pazó e protagonizada por Toño Casais e Artur Trillo.
O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e 6,50 euros para abonados, usuarios de carné xove ou de estudante, ata 25 anos, e desempregados.
«Demolición» relata a historia de dúas persoas moi distintas, que coinciden casualmente como espectadores da demolición dun gran edificio, que vai ser derrubado por mandato xudicial tras moitos anos de litixios e demoras.
Na medida en que entre eles dous se vai establecendo unha insospeitada relación, o público asiste a un espectáculo que fala do que todo o mundo fala. Demoledoramente divertido. Demoledoramente humano.