FERROL360 | Sábado 27 setembro 2014 | 18:18
O Concello de Narón dispón actualmente de doce parques infantís, dun total de 63, que cumpren a normativa 1176 da Unión Europea sobre seguridade infantil, certificada a través da ENAC, Entidade Nacional de Acreditación.
Estas certificacións forman parte dun plan de actuación que está a levar a concellería de Servizos dende abril deste ano ata abril do ano 2016, cun orzamento de 180.000 euros. Este plan permitirá revisar e adaptar todos os parques infantís e os seus elementos de xogo, ós estándares europeos de seguridade infantil.
Os parques certificados son: o do Paseo de Xuvia; o da Praza do Concello; o do Río Arnoia en Piñeiros; o do local Social de Piñeiros; o das Vivendas Profeco; o da Escola Infantil Municipal de Piñeiros; o da Praza de Galicia; o da Rúa 25 de Novembro; o da Rúa 25 de Xullo; o do Muiño de Pedroso; o da Rúa Virxe de Covadonga e o da Rúa Italia.
Os parques infantís xa certificados e homologados dispoñen dun logotipo identificativo. Nalgúns deles, estanse a arranxar os elementos de xogo e noutros se substituirán por obxectos novos, ó non ser posible o seu amaño debido ó estado de conservación.