Publicidad

O BNG de Fene critica que o goberno local modificou o orzamento un mes despois de ser aprobado

FERROL360 | Luns 29 setembro 2014 | 18:32

Un mes despois da entrada en vigor do orzamento do Concello de Fene o goberno local quere modificar as bases de execución do mesmo, segundo denuncian desde o BNG do municipio. Ante esta situación, desde o Bloque aseguran que «o alcalde e o goberno popular improvisan totalmente».

Os nacionalistas explican que no pleno extraordinario celebrado na mañá deste luns destacaban na orde do día a modificación das bases de execución do orzamento, a modificación das finalidades de dous cretos para financiar as obras subvencionadas pola Deputación e a aprobación dun convenio cos concellos da comarca para solicitar unha subvención de alumeado público.

O voceiro do BNG local Juventino Trigo afirmou que en relación ao convenio cos concellos da comarca «foi vergoñento ver como no anterior Pleno do 4 setembro o goberno daba por aprobado o asunto sen o quorum legal, maioría absoluta fronte a maioría simple, a pesar de que os informes da Secretaría así o indicaban».

Tamén critican que o Pleno ordinario do vindeiro xoves queda sen contido «debido á improvisación e ao interese en ocultar as chapuzas na xestión do orzamento e das subvencións» no pleno celebrado este luns ás 8:45 horas.