FERROL360 | Venres 17 outubro 2014 | 17:40
A Comisión Provincial de Vivenda iniciou o procedemento de adxudicación de 24 vivendas de promoción pública en Ortigueira. Os interesados en participar no sorteo deberán inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivenda antes do 31 de outubro, salvo que xa estean inscritos. O sorteo realizarase, ante notario, o día 25 de novembro.
Poden acceder ás vivendas de promoción pública os demandantes con ingresos familiares ponderados entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem, que carezan de vivenda propia ou que a vivenda dispoñible sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na normativa.
Tamén pode participar quen habite en vivendas suxeitas a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.
As vivendas a adxudicar emprázanse nun edificio situado na rúa Xeneral Franco 55-61, composto de soto dedicado a garaxe e rochos; planta baixa para garaxe, acceso a vivendas e dous locais comerciais con acceso dende a rúa e tres plantas altas dedicadas a vivenda, así como a planta baixo cuberta tamén dedicada a vivenda.
As vivendas corresponden ao seguinte reparto: oito vivendas de dous dormitorios (entre 53,5-57 m2 útiles); oito vivendas de un dormitorio (entre 41,5-42,5 m2 útiles); Todas dispoñen de garaxe (25 m2) e rocho (entre 3,5 e 4,7 m2).
As vivendas adxudicaranse en réxime de compravenda ou alugueiro en función dos ingresos familiares. A normativa establece que é obrigatorio adxudicar en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares non superan 1,5 veces o Iprem.
O prezo de venda ou o importe do alugueiro depende da superficie da vivenda e dos ingresos familiares ponderados, xa que sobre o valor da vivenda aplícanse reducións do 30, 40 ou 50 por cento en función de ditos ingresos. Desta maneira, os prezos de venda oscilarán entre 21.000 e 57.000 euros e a renda mensual entre 60 e 140 euros.
O IGVS investiu máis de 1,3 millóns de euros nas 24 vivendas.