FERROL360 | Martes 9 diciembre 2014 | 13:40
A segunda edición do concurso de fotografía ‘Imaxes con Fondo’, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, deixanos dous premiados na cidade de Ferrol. Son Laura Díaz Martínez, que acadou o segundo premio na categoría xuvenil, e Borja Blanco que foi terceiro no apartado de adultos.
O gañador do certamen é o fotoxornalista Felipe Carnotto cunha instantánea sobre a pesca artesanal, acompañada dun tweet en defensa desta actividade sostible. A moza vilagarciá María Goretti Dorgambide venceu na categoría xuvenil cunha imaxe a prol da solidariedade.
Reflexionar sobre a nosa responsabilidade na construción dun mundo máis xusto era o principal obxectivo do certame ‘Imaxes con Fondo’, que no apartado para persoas adultas levaba o lema ‘Cambia, reivindica e constrúe’.
Manuel Costa (Moaña) obtivo o segundo posto cunha enxeñosa obra sobre a pobreza, mentres que Borja Blanco (Ferrol) denunciaba no traballo que quedou terceiro o baixo prezo que cobra quen produce os alimentos.
‘A solidariedade dá sentido ás nosas vidas’ era o enunciado da categoría xuvenil, na que Laura Díaz Martínez (Ferrol) acadou o segundo premio cunha crítica á contaminación dos mares e María Rodríguez Vila (Oleiros) ficou co terceiro, animando a compartir coa súa fotografía e o seu ‘chío’.
Os segundos postos estaban dotados cunha cesta de produtos de comercio xusto e os terceiros cun lote de películas de temática social.
As persoas gañadoras e as demais premiadas recollerán os galardóns este mércores en Vigo, nun acto que terá lugar ás 12:99 horas dentro das IX Xornadas de Cooperación, que se celebran na Casa Galega da Cultura coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos.
