Publicidad

Narón reclamará a devolución do Imposto sobre Hidrocarburos

FERROL360 | Domingo 23 marzo 2014 | 12:22

O Concello de Narón solicita asesoramento á Fegamp para iniciar os trámites de reclamación do Imposto sobre Hidrocarburos, cobrado pola Xunta e agora invalidado pola Unión Europea.

Así, o alcalde do municipio remitiu unha carta ó presidente da Fegamp solicitando o inicio dos trámites para determinar os cauces legais que deberán seguir os concellos para reclamar a súa devolución.

Cómpre lembrar que hai unhas semanas o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditaminou que o Imposto sobre Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos (IVMDH), que aplicou entre outras a comunidade autónoma de Galicia, supoñía unha flagrante vulneración da lexislación comunitaria.

Polo tanto, e a raíz dese fallo, diversos colectivos e organismos públicos coma o Concello de Narón están a exercer o seu dereito a reclamar a xusta devolución das contías indebidamente percibidas pola Xunta de Galicia en base a ese imposto. O alcalde de Narón agarda que dende a Fegamp se ofreza unha resposta positiva en referencia a este asunto.