FERROL360 | Xoves 27 marzo 2014 | 18:09
O programa ‘Tempos para compartir’ é unha iniciativa posta en marcha dende hai dous anos pola área de Igualdade do Concello de San Sadurniño. Cada primeiro sábado de mes, algunha das sete parroquias que forman o municipio acolle unha sesión na que se ensinan unha serie de habilidades de temática variada. Xornadas de repostería, manualidades ou oficios tradicionais son algunhas das prácticas xa realizadas e que tiveron moi boa acollida entre o público.
O obxectivo é fomentar o intercambio de saberes e facer partícipes a tódolos veciños e veciñas que desexen amosar os seus saberes ante os asistentes.
A sesión do mes de abril abordará a técnica de elaboración de velas e terá lugar o sábado día 5 no local do Camiño Arriba a partir das 17:00 horas. Hai un límite de 15 prazas e as inscricións poden realizarse ata este venres.
No seguinte obradoiro, que se programará o sábado 10 de maio en Naraío, os participantes poderán aprender a facer cervexa dun xeito totalmente artesanal. Neste caso, serán 25 as prazas dispoñibles e o límite para anotarse remata o 21 de abril.
A asistencia é gratuíta e as inscricións poden realizarse no teléfono 981 49 00 27.