FERROL360 | Martes 8 abril 2014 | 18:22
Sés é sinómino de autenticidade, de loita e de verdade. María Xosé Silvar é unha cantante e guitarrista galega dunha grande riqueza sonora. Cantareira dende nena, domina tanto o blues coma o rock, o swing e mesmo a música tradicional latinoamericana.
Debutou en solitario no ano 2011 con Admirando a condición e dous anos máis tarde publicou un segundo traballo baixo o título de Co xenio destrozado.
Pisa forte cunhas letras poderosas que pelexan por facerse un lugar neste mundo.
Os seus directos énchense de vida e este venres o teatro Jofre de Ferrol terá ocasión de comprobalo dende as nove e media da noite.
Alí estará acompañada dos músicos Tito Calviño -guitarra-, Marcos Pazo -batería- e Fran Sanz -baixo-, cos que fará un percorrido polos dous álbumes que ata agora compoñen a súa discografía.
As entradas para vela custan entre oito e doce euros e poden adquirirse acudindo á billeteira do teatro Jofre ou a través da páxina web do Concello de Ferrol.