Publicidad

Actos en Ferrol e Cedeira esta fin de semana para conmemorar a Segunda República

REBECA COLLADO | Ferrol | Venres 11 abril 2014 | 16:37

Esquerda Unida de Ferrolterra organiza unha homenaxe á Segunda República con diferentes actos conmemorativos que terán lugar esta fin de semana e o luns día 14 de abril, día da República. Os actos servirán como «reivindicación dunha loita» e teñen un obxectivo claro, «a consecución da Terceira República», afirmou Suso Basterrechea, coordinador comarcal de EU-IU.

Basterrechea asegurou que «entendemos que é o momento» de camiñar cara a unha Terceira República porque a Monarquía «forma parte dunha estrutura que ven avasallando aos traballadores». Nesa mesma liña expresouse André Abeledo, militante de EU-IU: «Entendemos que este réxime democrático non é aquela República de liberdade».

Os actos arrancarán este sábado coa proxección dun documental no local de EU-IU ás 19:00 horas. Máis tarde, a partires das 21:00 horas, terá lugar un pincho de confraternización no Cantón Vello e pecha a xornada o concerto de Frances Farmer ás 23:00 horas no mesmo lugar.

O domingo trasládanse os actos ata Cedeira e comenzan cun xantar de confraternización ás 14:30 horas. Tamén realizarán unha ofrenda floral no monolito do paseo marítimo en homenaxe aos represaliados polo franquismo no campo de concentración da localidade. Será a partires das 17:00 horas.

Para a xornada do domingo tamén estaba previsto celebrar unha conferencia ás 13:00 horas, pero finalmente suspendeuse por problemas do conferenciante.

Finalmente, o luns 14 de abril levarán a cabo unha concentración republicana e unha ofrenda floral en homenaxe ás persoas que defenderon a legalidade da Segunda República. Será no monumento do Cantón ás 20:00 horas.

Representantes de EU-IU durante a presentación dos actos este venres (foto: Rebeca Collado)
Representantes de EU-IU durante a presentación dos actos este venres (foto: Rebeca Collado)