FERROL360 | Luns 21 abril 2014 | 10:34
O Ateneo Ferrolán organiza a semana do ‘Abril Portugués’. En colaboración co departamento de lingua lusa da Escola Oficial de Idiomas, a entidade cultural prepara entre os días 22 e 26 unha serie de actividades para conmemorar o corenta aniversario da Revolución dos Caraveis, o levantamento militar que puxo fin á dictadura salazarista en Portugal.
Deste xeito, o martes terá lugar a presentación do libro titulado Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890 – 1940), do autor Dionísio Pereira.
O mércores proxectarase a película Aniki Bóbó, de Manoel de Oliveira. Este drama gravado en 1942 conta a historia de dous nenos namorados da mesma rapaza. A súa disputa diaria por conquistala supón para os protagonistas unha serie de dificultades máis propias do mundo dos adultos que da infancia.
O xoves levarase a debate a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) Valentín Paz Andrade, centrada na inclusión da lingua portuguesa en Galicia.
O sábado, o cantautor Jorge Mirancos ofrecerá un concerto durante a tradicional sesión vermú, na que haberá petiscos e bebidas de balde.
Tódolos eventos terán lugar no salón de actos do Ateneo Ferrolán (rúa Magdalena, 202-204) e se iniciarán ás 19:30 horas, salvo o sábado, que a sesión vermú comezará ao mediodía.
