FERROL360 | Xoves 5 xuño 2014 | 18:51
O BNG esixe ao goberno local e á Xunta de Galicia a reposición inmediata das paradas de transporte público suprimidas en Ferrol Vello que están a causar «importantes molestias aos veciños». Critican ademais os nacionalistas que o goberno local non aporta ningunha solución a esta problemática.
O BNG considera inadmisíbeis os recortes de servizos que se están a producir no transporte urbano. E é que indican que están a reducir aínda máis «as escasas opcións de utilización do transporte público que teñen os ferroláns». Ante esta situación, o BNG rexistrou una iniciativa no Parlamento instando á Xunta a solucionar as deficiencias e a mellorar o transporte urbano de Ferrol.
Nesta iniciativa os nacionalistas tamén preguntan á administración autonómica se vai tomar algunha medida fronte á supresión de servizos e das paradas que afectan ao barrio de Ferrol Vello. Así mesmo, queren saber si existe algún plan de transporte previo ao Plan de transporte Metropolitano que de resposta ás carencias do servizo.
O BNG considera que o servizo de transporte público de Ferrol «é moi deficiente nas liñas que prestan servizo á zona rural» e «francamente mellorábel» nas liñas que transcorren polas zonas máis urbanas, e iso que ten o prezo do billete máis caro das cidades galegas.
Neste senso, denuncian que toda a zona rural se atopa case sen servizo imposibilitando, por falta de horarios, o desprazamento ao centro de saúde de Serantes. Asimesmo, reclaman un aumento do servizo e liñas de transporte para desprazarse ao Hospital Naval e ao Novoa Santos.