FERROL360 | Venres 13 xuño 2014 | 20:19
Que compricado é dar resposta a unha pregunta coma se o galego na educación infantil ten futuro. Pero sociolingüistas e profesores tratarán de arroxar algo de luz e, sobre todo, debater sobre o presente e o futuro da lingua. Será nunha mesa redonda que ten lugar este venres ás 19:30 horas na Avoaescola, en Narón.
Na actividade participará Anik Nandi, lingüísta bengalí que traballa na actualidade na Heriot-Watt University de Edimburgo. Tamén é investigador do Instituto de Lingua Galega da USC e especialista nas áreas de Política Lingüística e Linguas minoritarias e ameazadas e no ensino de linguas estranxeiras. El falará das semellanzas da situación sociolingüística de Galicia e da India.
Tamén intervirá na charla Gabriel Rei-Doval, doutor en Filoloxía Galega e profesor de Lingüística Luso-Hispánica na Universidade de Wisconsin-Milwaukee. No seu caso, exporá unha interpretación da situación actual do galego no ensino e as perspectivas sobre a súa aprendizaxe fóra.
A mesa complétana Bernardo Penabade, profesor de Lingua e Literatura Galega no IES O Perdouro de Burela e impulsor do Proxecto Burela e Neo de normalización e extensión da lingua galega, e Francisco López, presidente da Cooperativa Avoescola e Galiza co Galego, organizacións que están a traballar na consecución dunha rede de escolas infantís en galego.
O xornalista Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, será o encargado de moderar o debate.