Publicidad

A Deputación destina 105.000 euros para realizar diferentes actuacións en Ares

FERROL360 | Xoves 10 xullo 2014 | 17:28

A compra de maquinaria de limpeza, a reforma na iluminación pública no centro de Ares, asi coma reformas nas vías tanto do entorno rural como na zona urbana serán as actuacións que o Concello de Ares poderá levar a cabo grazas á colaboración da Deputación de A Coruña.

Ambas administracións asinaron catro convenios por un valor de 105.000 euros para realizar realizar estas melloras. Así, o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, destacou a compra de maquinaria de limpeza como a máis importante «porque supón unha posta a punto do servizo municipal».

En concreto, a Deputación facilitará 43.000 euros para a adquisición dun equipo de limpeza de alta presión carrozado sobre remolque. Tamén se destinarán 23.100 euros para a substitución das luminarias actuais das rúas de Zamborela, Cachorra, Prados Lanuxes, Praia das Estacas, Santa Bárbara e Mugardos por outras con tecnoloxía LED que permitirán mellorar a eficiencia enerxética.

En canto ás reformas das vías, para o entorno rural a Deputación achega unha partida de 9.900 euros coa que se pretenden arranxar os problemas puntuais destas estradas xurdidos principalmente polos temporais deste inverno.

Repararanse as fochancas e, en xeral, se acondicionarán, os camiños das zonas de Raso, Maiobre, Regueiro, Bulleiro-Loureiros, Pedrós e Rúa nova de Redes. No caso de Pedrós, tamén se realiza a limpeza e execución de cunetas e na zona alta da rúa Nova de Redes levántase o aglomerado e substitúese por formigón.

Xa no casco urbano, levaranse a cabo obras de reparación do firme en María e Irmáns Bugallo, cunha superficie total de 566 metros cadrados, e en parte da rúa Concepción Arenal. Así mesmo, limparanse as marxes e a quenlla esquerda e os sumidoiros. Neste caso, o custe da reparación ascende a 28.800 euros.