REBECA COLLADO | Ferrol | Martes 15 xullo 2014 | 13:25
O BNG de Ferrolterra organiza distintas actividades con motivo do Día da Patria Galega. Así, desenvolverá actos políticos, reivindicativos e festivos que terán como punto álxido a manifestación do vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela que este ano ten como lema: «En pé por Galiza! Soberanía, democracia, dereitos».
A coordinadora comarcal do BNG, Mercedes Tobío, explicou que o lema responde á necesidade de estar en pé «en defensa dos ataques» que se están producindo nos sectores da sociedade. Ademais, denunciou que o PP está «ao servizo de todo menos das clases populares» e advertiu que Galicia «debe estar presente» no debate que se vai abrir en todo o Estado sobre a autodeterminación.
En canto ás actividades a celebrar, arrancarán este mércoles ás 20:00 horas na Praza do Himno Galego cun acto aberto no que participará o voceiro do BNG no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, que se referirá á orientación política da celebración deste ano.
Por outra parte, o sábado 19 de xullo terá lugar a FestAberta que comezará ás 13:30 horas en San Valentín, en Fene, e que contará cun xantar de confraternización e distintos concertos. A festa prolongarase durante todo o día. Tamén o día 19 o BNG repartirá en Ferrol, nun lugar aínda por determinar, bandeiras da Patria para que sexan expostas en coches ou xanelas.
Xa en Santiago de Compostela, o día 24 de xullo celebrarase o Festigal, no Campus Sur. E o día 25 terá lugar a manifestación que comezará ás 12:00 horas. Para asistir á protesta reivindicativa e festiva, o BNG disporá dun servizo de buses que sairá ás 10:00 e regresará ás 19:00 horas. O prezo é de 5 euros, agás as persoas que non teñan disponibilidade económica.
Os puntos de recollida de xente serán o Jofre, Caranza, Fene e Vilar do Colo. As inscricións poden facerse no local comarcal do BNG ou ben chamando ao 981.36.40.58.
