Publicidad

Ortigueira despide ás máis de 50.000 persoas que visitaron o seu festival

ARY LÓPEZ | Ortigueira | Domingo 20 xullo 2014 | 17:35

A 30ª edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira estivo marcada pola inestabilidade meteorolóxica. Os chuvasqueiros foron a última moda nesta cita que, malia todo, conseguiu acoller un desfile de máis de 50.000 persoas durante catro días.

O sábado, dende as 22:00 horas, a chuvia olvidouse por unhas horas da vila ortegana e a atractiva programación congregou na explanada da Alameda a uns 20.000 visitantes que quixeron facer desta unha edición inesquecible.

Bellón Maceiras Quinteto inaugurou as actuacións da noite ofrecendo o seu combinado de folk e músicas do mundo, un repertorio que os de Ferrolterra teñen materializado nun primeiro álbum titulado Folkfusión. Sobre as táboas recibiron a visita da pequena María López. Esta zanfonista de tan só nove anos emprende cedo un voo que, de seguro, a elevará ao inmenso espazo musical de Galicia.

Unha vez máis, a segunda actuación da noite volveu acaparar a máxima atención dos asistentes. The Chieftains ofreceron o seu espectáculo cargado de lenda e virtuosismo rememorando aquela visita que realizaron ao mesmo festival hai unha década. Desta vez, os irlandeses convidaron a tocar con eles a Nando Casal e Xosé V. Ferreirós, de Milladoiro, e ao máxico acordeonista escocés Phil Cunningham, agasallando ao público cun concerto irrepetible.

Polo escenario tamén pasaron o innovador colectivo bretón Fest Rock, formado pola Bagad Kemper e os Red Cardell; a Treacherous Orchestra de Escocia e os galegos Anxo Lorenzo band.

Este domingo, o tradicional desfile de bandas das nacións celtas botaba o peche ao trixésimo Festival de Ortigueira.

Agora a organización deberá poñerse novamente a traballar para realizar balance do acontecido e confeccionar o traxe que vestirá a edición do ano 2015.

A pequena zanfonista, María López, interpretou varias pezas sobre o escenario de Ortigueira xunto a Bellón Maceiras Quinteto (foto: Ary López)
A pequena zanfonista María López interpretou varias pezas sobre o escenario de Ortigueira xunto a Bellón Maceiras Quinteto (foto: Ary López)