FERROL360 | Sábado 26 xullo 2014 | 20:09
O Club Natación Cedeira-Muebles García celebra este domingo a primeira edición do Súper Acuatlón Vila de Cedeira no entorno da praia da Magdalena. Unha competición que combinará natación e carreira e na que poderán participar nenos e maiores, sen limitacións de idade.
As inscripcións están abertas ata este domingo no enderezo electrónico cnatacioncedeira@gmail.com. As cuotas serán de oito euros na categoría absoluta e tres nas restantes (a abonar no momento da retirada de dorsais, na zona de San Isidro e ata as 15:45 horas do domingo).
A competición está estructurada en catro categorías: promesas, con hora de inicio ás 16:00 e cunhas distancias a cubrir de 150 metros natación + 500 metros carreira + 150 metros natación; benxamín, que partirán ás 16:20 horas, 250 m + 500 + 250; alevín, ás 16:50 horas, 500 + 1000 + 500 e absoluta, ás 17:40 horas, 1000 + 5000 + 1000.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados por categoría e sexo e un premio en metálico de 150 euros para os campións absolutos en categoría feminina e masculina. Premios que se entregarán nun acto que comezará ás 19:30 horas no parque do Sagrado Corazón.