Publicidad

Neda prepárase para celebrar as súas festas patronais na honra de Santa María

FERROL360 | Mércores 27 agosto 2014 | 12:46

As actuacións de grandes orquestras e as actividades para nenos centran o programa de actos das festas patronais de Neda que arrancarán o luns 8 de setembro e prolongaráse ata o mércores día 10. O adro da igrexa será o escenario das celebracións na honra de Santa María de Neda.

Así, o luns 8 comezan os actos ás 12:30 horas coa función relixiosa na honra da patrona e procesión posterior acompañada da banda de música. De seguido, fogos de artificio e sesión vermú coa orquesta Xente Nova. Esta formación amenizará xunto á orquesta Gran Parada a verbena do primeiro día. Será a partires das 22:00 horas.

O martes 9 de setembro celebrarase a función relixiosa na honra da Virxe do Carmen ás 12:30 horas. A sesión vermut contará coa orquesta Fania Blanco Show, que tamén repetirá á noite. Neste caso, compartirá escenario coa orquesta Panamá.

Por último, o mércores 10 está reservado para os máis pequenos da casa, cunha gran festa infantil dende das 17:00 horas, na que as atraccións terán prezos reducidos e a Granja Escuela Belelle, que colabora cos festexos, ofrecerá paseos en poni aos nenos.