Publicidad

O director de Asistencia Sanitaria do Sergas visitou os terreos do futuro centro de saúde da Capela

FERROL360 | Mércores 25 setembro 2013 | 22:57

O director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial, visitou hoxe á mañá os terreos onde se vai construir o centro de saúde do municipio da Capela.

Rubial, que visitou a zona de man do alcalde da Capela, Manuel Meizoso; veu acompañado pola especialista en arquitectura sanitaria Cristina Fernández, responsable de proxectos como a reforma integral e rehabilitación do Hospital Abente e Lago da Coruña e a dirección da fase II do plan director do CHUS compostelán, entre outros.

A arquitecta Cristina Fernández forma parte do equipo que encabeza Joaquín López Fando, que é o coordinador do colectivo que levará a cabo a revisión do proxecto de execución do centro de saúde, introducindo melloras de eficiencia enerxética, para facelo máis sustentable e de maior calidade.

Así mesmo, Félix Rubial estivo tamén acompañado polo xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo Piñeiro, e pola subdirectora xeral de Investimentos do Sergas, Belén Currás.

O centro de saúde terá unha superficie de 432 metros cadrados construídos, nunha parcela de 1.486 metros cadrados, cedida polo Concello da Capela.

A súa construcción conta cun investimento de 500.000 euros, cofinanciados con fondos europeos e enmarcada na Estratexia Sergas 2014, programa que ten como finalidade «modernizar as infraestructuras da rede de atención primaria, para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais».

O edificio contará con dúas consultas e dúas salas polivalentes, na área de medicina xeral e enfermería.

Na parte administrativa, haberá un arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

Momento da visita da comitiva aos terreos na Capela (foto: Consellería de Sanidade)
Momento da visita da comitiva aos terreos na Capela (foto: Consellería de Sanidade)