Cantas persoas decidiron despedirse do mundo en galego? Esa é a pregunta da que parte o proxecto Palabra e Memoria, unha iniciativa que percorre os cemiterios galegos para localizar e documentar as inscricións funerarias na nosa lingua. En Ferrolterra, as investigadoras Sandra Blanco e Raquel Santiago xa descubriron que, contra todo prognóstico, o galego está moito máis presente do que cabería esperar.
Se os mortos falasen… falarían en galego?
Quen pasea por un cemiterio adoita buscar nomes, datas ou apelidos familiares. Poucas veces repara na lingua coa que están escritas as lápidas. Pero detrás desa elección agochase unha historia colectiva sobre identidade, memoria, represión e pertenza ao territorio. É precisamente esa historia a que trata de reconstruír ‘Palabra e Memoria’, un proxecto colaborativo que está a elaborar un mapa das inscricións funerarias en galego de todo o país. En Ferrolterra, dúas das persoas encargadas desa tarefa son Sandra Blanco e Raquel Santiago, que levan meses percorrendo camposantos da comarca fotografando e catalogando cada lápida escrita en galeego.
O sorprendente chegou moi cedo, «Pensabamos que iamos atopar moi poucas, sobre todo nunha comarca como Ferrolterra, onde sempre existe esa idea de que predominou o castelán. Pero hai máis galego do que a xente imaxina», explica Sandra Blanco.
Unha lingua que tamén conta historias
A investigación vai moito máis alá de contabilizar inscricións. Cada lápida abre unha porta a outra historia. As investigadoras atoparon dende membros da Real Academia Galega, poetas, sindicalistas ou párrocos que decidiron deixar a súa última mensaxe en galego, ata persoas anónimas cuxos epitafios falan da ría, do mar, das ondas ou das paisaxes onde viviron.
«As inscricións tamén conservan patrimonio. Hai textos que describen a paisaxe, a natureza ou os lugares onde viviron esas persoas. Iso tamén fala da nosa cultura», sinala Raquel Santiago.
En Narón, a investigadora local Sandra Blanco contabilizou un total de 1.106 propiedades funerarias no cemiterio de Santa Icía de Trasancos e rexistrou o uso da lingua galega desde 1986. Dentro do termo municipal de Ferrol, na parroquia de Brión estudou os textos de case 400 familias e comprobou que a lingua galega escrita entrou no recinto xa no século XXI e agora ten visibilidade a través de varias inscricións.
Un deles recolle un fragmento de Cantares Gallegos e outro unha adicatoria a unha persoa falecida: el vive alá lonxe, lonxe onde brúa o bravo mar, e coa súa forza inmorrente onda nós ha de voltar! Juan Carballeira Rey. Cabe destacar a importancia dos elemento do mar, sempre presente nas vidas das persoas de Ferrol que queda reflectido nos seus epitafios.
No cemiterio da antiga capital municipal de Serantes observou atentamente o sartego do fidalgo Afonso de Serantes, o panteón da represaliada Amada García e os do fillo predilecto de Ferrol, Torrente Ballester e Ángela Ruíz Robles. Na fosa común na que xacen as persoas fusiladas na Guerra Civil pódese leer: En homenaxe e lembranza ás mulleres e homes mortos por-la libertade do noso pobo.
Desde 1990, en Serantes o idioma galego alcanzou visibilidade permanente nun recinto que acolle 1.103 propiedades; e, agora mesmo, está en dúas placas que recordan as vítimas da guerra e en 10 panteóns familiares.

A pegada do franquismo
Outra das cuestións que esperta máis interese é comprobar como evolucionou o uso do galego ao longo do século XX. Aínda que o proxecto aínda está nos seus primeiros pasos e non existen conclusións definitivas, ambas recoñecen que resulta inevitable preguntarse se a represión franquista tamén deixou pegada na lingua escollida para despedir aos seres queridos.
«Agora mesmo son hipóteses. Pero é inevitable pensar que o contexto histórico puido influír. Moita xente falaba galego na casa, pero escribir unha lápida era outra cousa», reflexiona Raquel.
Durante décadas, o castelán asociouse ao prestixio social mentres o galego quedaba relegado ao ámbito familiar ou rural. Esa realidade tamén podería explicar por que determinadas familias optaron por unha lingua ou outra á hora de gravar unha inscrición funeraria.
Moito máis que contar lápidas
O proxecto está baseado na colaboración cidadá e medra semana tras semana grazas a novos voluntarios repartidos por toda Galicia. Cada familia contabilízase unha única vez, fotografando todas as placas e anotando a lingua empregada, os símbolos, a tipografía e os elementos culturais presentes.
Grazas á colaboración das pesquisadoras Raquel Santiago Romo (Grupo Exper.Turs da Universidade da Coruña) e Emma Rey Fernández, logrouse completar a revisión das diferentes parroquias, convertendo a Ferrol no primeiro dos concellos das sete grandes cidades galegas en contar cunha revisión completa.
O total de familias contablizadas durante varias xornadas foi aproximadamente 14.000, das que 85 mantiveron o idoma galego na escrita. Considerase que a primeira que aparece en galego podería ser do ano 1979, pertencente a Manoel Alejo Pérez do 1979 aos 71 anos,«túa mulller, fillos e neto non te esquecen». Ainda que aparece unha placa do ano 1961 coa palabra papaíño co resto do texto en castelán.
No maior cemiterio da área que é o municipal, salientan inscricións como Real Coro de Toxes e Froles, Vicente Couce o cura “rojo” de Ferrol e recoñecido antifranquista e sindicalista. Ó igual que no cemiterio de Serantes, descansan moitas das persoas represaliadas na guerra civil e no franquismo, nas diferentes zonas do recinto, en parede e en terra.
O galego amosa as súas verbas a través das coroas funerarias, como a adicada polo pobo ferrolán á figura do Rexurdimento Benito Vicetto, escritor, periodista, dramaturgo e director da Real Casa da Moeda de Xubia.
Porque tamén os detalles falan. Hai gaitas, cunchas de vieira, barcos, símbolos mariñeiros, referencias á emigración ou á cultura popular galega. «Non é só que estean escritas en galego. Tamén importa que contan e que símbolos utilizan. Todo iso forma parte da nosa identidade», explica Raquel Santiago.
A morte tamén fala da sociedade
Para as dúas investigadoras, os cemiterios son un enorme arquivo histórico ao aire libre. Cada inscrición permite entender mellor como era unha época, que valores compartía unha comunidade ou como se relacionaba coa súa lingua.
Mesmo a decisión de escribir —ou non escribir— en galego convértese nun reflexo da sociedade. «Os cemiterios tamén son patrimonio. Non só arquitectónico ou artístico; tamén lingüístico e cultural», resume Sandra Blanco.
Un proxecto aberto
O traballo está lonxe de rematar. Aínda quedan numerosos cemiterios por documentar tamén da comarca. Por iso, Palabra e Memoria continúa facendo un chamamento á cidadanía para incorporar novos colaboradores que queiran participar na catalogación das inscricións. Unha investigación que pon o foco na lingua que deixan quenes nos predecederon.
