O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu este xoves en Ferrol de que un eventual Goberno do PP e Vox no Estado podería reactivar proxectos industriais que considera prexudiciais para Galicia e comprometer iniciativas estratéxicas para a comarca, entre elas a implantación de Saic. «Se chega a verificarse esa hipótese dun Goberno da dereita e da ultradereita en Madrid, é posible que o proxecto responda máis a intereses norteamericanos que os da propia comarca», sinalou, ao tempo que reivindicou a necesidade de defender un modelo industrial que xere emprego de calidade e fortaleza a economía galega.
Rego participou esta mañá nun encontro informativo no hotel Almirante, acompañado pola senadora Carme da Silva e polo candidato do BNG en Ferrol, Mon Fernández. Na conversa, a formación nacionalista repasou a súa actividade nas Cortes e presentou as principais demandas para Ferrolterra, Eume e Ortegal, con especial atención á recuperación industrial, as infraestruturas ferroviarias e o aproveitamento de espazos públicos para vivenda.
O deputado vinculou o futuro industrial da comarca á capacidade de impulsar proxectos tecnoloxicamente avanzados e con efecto tractor sobre outras actividades económicas. Neste contexto, defendeu a implantación de Saic e criticou as posicións políticas que, ao seu xuízo, cuestionaron a iniciativa por razóns de seguridade nacional. Rego apuntou que existen proxectos de capital chinés noutras partes do Estado que non suscitaron as mesmas obxeccións e reclamou que Ferrol non quede á marxe de novos investimentos.
«Non imos permitir» que se adopten decisións que prexudiquen sectores estratéxicos galegos, afirmou, nunha intervención na que tamén cuestionou o veto á construción naval civil na ría de Ferrol. Para o BNG, a comarca precisa unha política industrial que permita recuperar actividade e emprego tras os peches e as dificultades de empresas como Poligal, en Narón; Siemens Gamesa, nas Somozas, e Endesa, nas Pontes.
Un plan de reindustrialización para Ferrolterra
Rego reclamou un plan de reindustrialización para Ferrolterra, Eume e Ortegal que permita compensar o impacto da desindustrialización e atraer novos investimentos. No caso das Pontes, lembrou que o BNG defendeu a convocatoria dun concurso de transición xusta para facilitar a chegada de proxectos alternativos tras o peche da central térmica.
O deputado considera que as decisións adoptadas arredor da capacidade de evacuación eléctrica limitaron as posibilidades de atraer novas industrias e comparou a situación coa de Aragón, onde se impulsaron iniciativas para captar investimentos vinculados á transición enerxética.
A formación tamén aposta pola modernización das instalacións de Navantia e pola integración de novas actividades no complexo industrial, incluída a construción naval civil. Rego lamentou que este ámbito continúe sendo, segundo indicou, «un tabú para outras forzas políticas» e defendeu que a comarca poida aproveitar as súas capacidades industriais para desenvolver novos proxectos.
O deputado lembrou que a Xunta ten competencias en política industrial e reclamou unha maior implicación do Goberno galego no proceso de recuperación económica, incluída a súa participación no consello de administración de Navantia.
Terreos da Armada para vivenda pública
Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de aproveitar os espazos e inmobles públicos sen uso para responder ás necesidades de Ferrol. Rego reclamou que a Armada poña á disposición da cidade terreos que poderían destinarse a vivenda pública, urbanización, equipamentos e servizos.
O deputado referiuse especialmente a Sánchez Aguilera, unha operación que o BNG tentou impulsar sen éxito nos termos que defendía. Ao seu xuízo, este espazo podería contribuír á creación de novas vivendas e á mellora dos servizos urbanos.
Tamén cuestionou que vivendas vinculadas ao Ministerio de Defensa que poderían estar dispoñibles para seren habitadas se destinen á venda mediante poxas, en lugar de facilitar o seu acceso a persoas que precisan unha vivenda. A formación reclama un cambio de criterio para que estes recursos públicos contribúan a ampliar a oferta residencial.
Modernización ferroviaria e trens de proximidade
A mellora das conexións ferroviarias foi outra das prioridades expostas por Rego. O deputado reclamou avances na modernización da liña entre Ferrol e A Coruña e na rede de ancho métrico que conecta Ferrol con Ribadeo.
Segundo explicou, o acordo de investidura incluía medidas para avanzar nestas infraestruturas e no desenvolvemento dos servizos ferroviarios de proximidade. Entre os avances citou o proxecto do baipás de Betanzos e a elaboración dun estudo sobre os trens de proximidade.
Rego asegurou que o BNG mantivo conversas co Ministerio de Transportes para impulsar a declaración dos primeiros núcleos deste tipo de servizo, nos que se prevía incluír a conexión entre Ferrol e A Coruña. Por iso, reclamou que se cumpra o compromiso e se avance na mellora da oferta ferroviaria.
«Esta comarca precisa un impulso porque sufriu intensamente a desindustrialización e o declive», resumiu o deputado, que tamén preguntou polo plan Especial para Ferrol anunciado polo Partido Popular e reclamou unha maior atención das administracións ás necesidades do territorio.
Carme da Silva reclama que Galicia teña máis peso nas decisións do Estado
Pola súa banda, a senadora Carme da Silva puxo o foco na importancia de que as decisións adoptadas en Madrid teñan en conta a realidade territorial, social e económica galega. Como exemplo, citou a necesidade de garantir servizos ferroviarios de proximidade, mellorar a atención en galego e asegurar que os sistemas de protección ás vítimas de violencia machista funcionen tamén nas zonas con problemas de cobertura, entre outras custións.
Da Silva defendeu igualmente que os servizos de transporte e atención á dependencia cheguen a todo o territorio, incluídas as zonas rurais, e apostou por unha política de vivenda adaptada á realidade galega, tanto nas cidades e vilas como nas parroquias e aldeas.
«Non se pode gobernar para Galiza sen comprender a súa realidade territorial. Temos peculiaridades no rural, zonas sen cobertura ou despoboadas, e toda esa realidade hai que tela en conta».
Néstor Rego, pola súa banda, reivindicou o papel do BNG no Congreso e no Senado como forza que, segundo afirmou, leva ás institucións estatais cuestións específicas de Galicia. Entre as medidas que repasou figuran a ampliación das bonificacións das peaxes, os avances en materia ferroviaria e a ampliación dos permisos por nacemento e coidado, así como propostas sociais como a redución da xornada laboral a 35 horas sen diminución salarial.
Entre outras cuestións, Rego defendeu a necesidade de frear o avance das políticas reaccionarias e cuestionou as alianzas entre o PP e Vox, así como a relación de Feijóo coa extrema dereita, lembrando que, cando presidía a Xunta, negaba a posibilidade de pactar con esta formación.
Tamén reclamou ao PP que condene todos os actos de violencia fascista que se están a producir na comarca contra sindicalistas nacionalistas. Criticando as reaccións de apoio do PP ao acto de Vox onte na Coruña, « ben que saen nos medios dando o seu apoio a Abascal polos actos de onte», apuntou.
Para rematar, ambos representantes defenderon a necesidade dos galegos e das galegas de contar cunha voz propia nas Cortes do Estado.

