Pontedeume prepárase para unha fin de semana de misterio, fantasía e tradición coa celebración de Pontedeume, Vila das Lendas, un festival literario que se desenvolverá do venres 30 de outubro ao domingo 1 de novembro. A iniciativa toma o relevo de Vila do Libro cunha programación que combina encontros con escritores e escritoras, cine, obradoiros, música e actividades de Samaín arredor da literatura e da tradición oral galega.
A inauguración será o venres ás 18:30 horas cunha andaina de Samaín que partirá da Biblioteca Municipal e rematará na Casa da Cultura. Na actividade participarán a Asociación Folclórica e Cultural Orballo e o grupo de teatro do IES Breamo, caracterizados como personaxes da tradición popular, entre eles figuras vinculadas á Santa Compaña.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, e a concelleira de Cultura, Alejandra Bellón, participarán no acto de apertura do festival.
Literatura, cine de terror e tradición oral
A primeira xornada continuará ás 19:00 horas na Casa da Cultura co encontro ‘Cando unha vida se converte en relato’, no que o escritor Pedro Feijoo conversará con Chema Paz Gago sobre memoria e creación literaria.
O cine tamén terá protagonismo na estrea do festival. A Biblioteca acollerá ás 20:00 horas a proxección da película de animación Coco, mentres que ás 22:00 horas a Casa da Cultura será o escenario dunha sesión de terror con El exorcista.
O sábado 31 de outubro chegará unha das xornadas máis completas, con actividades para diferentes idades e propostas centradas na memoria e nas historias da vila. A Casa da Cultura acollerá ás 12:00 horas o encontro ‘Pontedeume, unha vila de lendas’, no que a xornalista e escritora Carmen Blanco conversará co filólogo Xosé Fonte Sardiña sobre os relatos, personaxes e episodios que forman parte da identidade eumesa.
Outra das actividades destacadas será ‘As horas mortas’, conducida pola escritora Emma Pedreira. A proposta permitirá percorrer o cemiterio de Pontedeume para descubrir as historias que agocha este espazo. A participación require inscrición previa no correo [email protected].
A programación literaria completarase con encontros arredor da novela fantástica, coa participación de Blanca Pórtico, Conchi Regueiro e Antonio Manuel Fraga, así como cunha charla sobre a gastronomía do Samaín a cargo do cociñeiro Antonio Díaz Calvo.
Un Pasadizo do Medo e actividades infantís
O público infantil terá tamén o seu espazo no festival. O sábado ás 11:30 horas celebrarase na Casa da Xuventude un obradoiro de marcapáxinas de medo, mentres que os Xardíns de Lombardero acollerán pola noite o Pasadizo do Medo, unha experiencia inmersiva inspirada nos personaxes e escenarios da literatura de terror, dirixida ao público xuvenil e adulto.
Durante o sábado e o domingo poderá visitarse tamén a exposición ‘Entre lendas e sombras’, que reunirá os libros de literatura fantástica e de terror dispoñibles na Biblioteca Municipal. O horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Mitoloxía galega e música para pechar o festival
A programación do domingo 1 de novembro arrancará ás 11:00 horas coa conversa ‘Seres mitolóxicos e literatura galega’, na que Natalia de la Peña entrevistará o escritor e editor Francisco Castro. Ás 12:00 horas, a Biblioteca acollerá un encontro co escritor David das Tebras sobre mitoloxía e folclore galego.
A música chegará da man da Escola de Música Charamela, cun concerto de bandas sonoras do cine de terror. Ademais, Claudia Castro dirixirá o obradoiro de escritura creativa ‘Onde nacen as historias’, destinado a nenos e nenas a partir dos 8 ou 9 anos.
O programa incluirá tamén a actividade ‘O terror no cine’, na que as profesoras da Universidade da Coruña Mercedes Durán Lizán e Adriana Navarro conversarán sobre a adaptación cinematográfica dunha lenda de Pontedeume.
Pola tarde celebrarase unha festa infantil de Samaín, cun pasarrúas ata a Alameda. A clausura oficial está prevista para as 19:30 horas na Casa da Cultura, cun concerto especial polo Día dos Defuntos a cargo de Mariachi Sol de Galicia.
Espazo para librarías e editoriais
O festival reservará tamén un lugar para a venda directa de publicacións. Durante o sábado e o domingo, librarías e editoriais participantes instalarán casetas na Biblioteca e na Casa da Xuventude, que poderán visitarse de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
O alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro, destacou que a proposta busca redescubrir as historias e lendas que forman parte da identidade local, combinando a tradición coa creación contemporánea e achegando a literatura galega tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
Con esta primeira edición de Vila das Lendas, Pontedeume aposta por converter o Samaín nunha oportunidade para reivindicar o patrimonio cultural e levar as historias populares máis alá dos libros, ata as rúas e os espazos da vila.

