FERROL360 | Luns 10 novembro 2014 | 19:37
Despois de catro anos no cargo, a actual directiva da ANPA Baluarte do IES Canido considera que é o momento de «pasar a testemuña a un novo equipo que traia ansias e caras novas». Por iso convoca unha asemblea de socios para este martes ás 18:15 horas no salón de actos do instituto da que confían saia unha nova directiva.
Para animar á participación dos pais e nais, a actual directiva ten en marcha unha curiosa campaña protagonizada por persoeiros ben coñecidos por todos. Así, asistirán ao acto os xogadores de fútbol Messi e Cristiano Ronaldo, tamén estarán algúns dirixentes de Podemos con Pablo Iglesías á cabeza, Obama e o mesmo George Clooney.
Algúns tiveron que excusar á súa ausencia, como Isabel Pantoja ou Iñaki Urdangarín. Tampouco poderá asistir á asemblea o ministro de Educación. Aquí podedes ver a campaña completa. Un toque de humor co fin de que o IES de Canido non quede sen representación oficial dos pais e nais dos alumnos.
Minutos antes da asemblea, ás 17:30 horas, a ANPA presentará a Axenda Escolar Navegantes. No acto estará presente o profesorado do centro que a levou a cabo.
Por outra banda, a ANPA tamén deu a coñecer os datos finais sobre o sistema de préstamo solidario de libros de texto que levaron a cabo este curso. En total, participaron 264 familias e acadouse a cifra de 1399 libros en préstamo, o que supón un aforro aproximado duns 42.000 euros.
