Publicidad

A Asociación de Mulleres Cabanas Rural organiza a Roga da Esfolla

FERROL360 | Venres 20 novembro 2015 | 10:51

As rogas eran xuntanzas de persoas para facer un traballo en conxunto. Así, había rogas para a sega, para a malla, para a matanza, para amañar os camiños, para ensilar, para esfollar o millo e para coller nas patacas.

Os veciños axudábanse entre si e o pago dos traballos era co propio traballo. Cando remataban, xuntábanse para celebralo. A Asociación de Mulleres Cabanas Rural non quere que esta costume se perda e organiza para este domingo a VI Roga da Esfolla.

Será no pavillón de Lavandeira, en Cabanas, a partires das 16:00 horas. Terán pan de millo amarelo, negro e branco cocido na casa e celebrarán con zonchos, papas de millo, liscos e viño.

Todo acompañado da música de Silbarda e das Cantareiras de Airiños da Capela.