Publicidad

A Asociación Nordés celebra as V Xornadas «Memoria dun tempo» do 20 ao 22 de agosto

FERROL360 | Domingo 15 agosto 2015 | 17:10

As Xornadas «Memoria dun tempo», organizadas pola Asociación Nordés, desenvolveranse do 20 ao 22 en Mañón. Como en edicións anteriores, haberá conferencias, proxección dun documental, un recital, un roteiro didáctico, xantar de amizade e a III Homenaxe a Republicanos e Libertarios.

Así, as Xornadas arrancarán o día 20 coa conferencia «70 anos do fin da 2ª Guerra Mundial», na que se darán a coñecer as historias persoais de homes e mulleres do Ortegal que, dunha forma ou outra, víronse involucrados na mesma, dun xeito tráxico en moitas ocasións.

O relator será o historiador Eliseo Fernández, que falará de persoeiros coma «Cariño» López, integrante da 9ª compañía («la nueve»), famosa por participar de xeito principal na liberación de París. Tamén contará as historias de persoas máis descoñecidas que viviron nos campos nazis ou no gulag soviético. A cita será ás 20:30 horas no salón de actos do Concello de Mañón.

O día 21 de agosto celebrarase a III Homenaxe a Republicanos e Libertarios, que este ano divídese en dous actos. O primeiro será ás 20:00 horas na Ponte Vella de O Barqueiro e consistirá na lectura de textos e poemas, así coma a intervención de quen desexen participar.

A asociación Coletivo Pensamento e Sementeira de Viveiro estarán presentes en representación dos veciños da Mariña que foron fusilados nesa zona, moi cerca do monolito en recordo dos represaliados polo franquismo en Mañón. Andrés Rodríguez e Mini e Mero porás as súas voces e guitarras para acompañar os relatorios.

A segunda parte da homenaxe comezará ás 21:15 horas, no salón de actos do Concello de Mañón, cun recital porque «de sempre a música tivo e tén unha importante presenza na lembranza de moitos dos feitos acaecidos nos tempos históricos que se tratan», indican desde a entidade organizadora.

Xa o 22 de agosto terá lugar un roteiro didáctico, un xantar de irmandade e unha proxección. Baixo o título «O Crime de Ambosores» terá lugar unha camiñata por Ambosores para coñecer os feitos lutuosos que nos anos 50 aconteceron nese casal. A actividade será guiada por Bernardo Penabade. A actividade comezará ás 11:00 horas e sairá do local social de Grañas do Sor.

Despois da camiñata celebrarase un xantar ó prezo de 15 euros. Os interesados en acudir ao mesmo deben realizar a súa reserva nos teléfonos 628.566.900 (Leti) e 653.756.454 (Ricardo), ou nos días previos nas xornadas.

O peche das Xornadas virá da man da Catedrática de Lingua e Literatura Galega na USC, historiadora e investigadora especializada no área da muller, Aurora Marco, que falará do papel da muller na guerrilla, tanto como apoio dos guerrilleiros como de xeito activo na propia loita.

Completarase a súa conferencia coa proxección do documental «As silenciadas», de Pablo Ces. Unha obra que acadou diferentes premios, entre os que se atopa o Premio Mestre Mateo 2012 ó mellor Documental. A cita será ás 20:00 horas no saló de plenos do Concello de Mañón.

xornadas