FERROL360 | Luns 5 outubro 2015 | 16:14
A asociación de veciños Xuntanza de Lamas de San Sadurniño organiza unha viaxe a Lugo, co gallo do San Froilán, para pasar unha xornada de festa no «Domingo das Mozas», que será o día 11 de outubro. Os interesados teñen ata o día 8 para apuntarse chamando aos teléfonos: 666 317 279, 659 538 198 ou 620 550 236. O prezo sen o xantar son 15 euros.
A saída está prevista para as 9:00 horas e a chegada a Lugo será unha hora máis tarde, aproximadamente. No «Domingo das Mozas» celébrase a Ruta do traxe tradicional galego, un desfile que converte en pasarela toda a cidade e, especialmente, os espazos habituais das festas como son a Praza maior, a Ronda da Muralla ou o Parque Rosalía de Castro.
Tamén haberá a XVII Mostra de Música tradicional coa actuación dunha ducia de agrupacións, o San Froilán tecedeiro, a ofrenda floral a Rosalía de Castro, pasarrúas e monicreques, entre outras.
Excursión aos Remedios
O mesmo día, este domingo 11 de outubro, a entidade O Castelo de Narahío organiza unha excursión aos Remedios, na parroquia de Anca. Os interesados non precisan anotarse, só deben acudir ás 10:00 horas ao cruceiro do Eirexado para saír a pé con destino á igrexa.
A ruta é doada, xa que discorre case completamente polas pistas que unen Anca e Naraío. É un percorrido curto, aproximadamente 40 minutos, permitirá ir sen présa e chegar a tempo de asistir ás celebracións relixiosas.