MARTA CORRAL | Ferrol | Martes 29 abril 2014 | 15:26
A Confederación Intersindical Galega (CIG) sairá á rúa o vindeiro Día Internacional da clase traballadora, unha vez máis, á marxe do resto de organizacións sindicais que o farán de xeito conxunto.
Un dos seus voceiros, Manel Grandal, explicou este martes que tentaron chegar a un acordo con CCOO, UGT e USTG, «mais non foi posible». Dende o sindicato galego ven o Primeiro de Maio como unha data de «traballo reivindicativo» e de «loita e confrontación» cos políticos, polo que esixen todo un calendario de mobilizacións e non só a tradicional manifestación.
Dende a CIG púxose enriba da mesa a posibilidade de levar a cabo una nova folga xeral comarcal e un calendario de accións no mes de xuño -data do «cabodano da folga anterior»-, propostas que non compartiron o resto dos sindicatos: «Hai moitos colectivos que se están a manifestar: traballadores, estudantes, sanidade… O tema é agrupar tódalas demandas nunha folga xeral. Se sempre facemos o mesmo formato de mobilizacións, a cidadanía cansa».
As políticas europeas no punto de mira
«Contra a explotación e a pobreza, fagámoslle fronte a Unión Europea» é a consigna elixida polo sindicato para percorrer as rúas de Ferrol o vindeiro xoves.
Manel Grandal advertíu que as políticas europeas están a xerar un «estrangulamento da economía galega». Lamentouse polo «gran éxodo dos rapaces e rapazas menores de 35 anos», o «paro real do 30%» e as consecuencias de «ter o país en venda».
Sobran os motivos para saír á rúa, polo tanto, para os voceiros do sindicato: «Desigualdades sociais, recortes nos dereitos básicos, empobrecemento brutal da clase traballadora, salarios baixos e contratos precarios».
Para Grandal, a solución da situación actual pasa por «tirar abaixo o capitalismo salvaxe, dar a batalla por un modelo económico máis xusto e democrático, que garanta a liberdade dos pobos e a soberanía de todas as nacións do mundo».
Novo percorrido con final na Praza Vella
Sairán ás 11:30 horas do seu local na Avenida de Esteiro para dirixirse á rúa Real e desembocar na rúa San Francisco, finalizando o percorrido na Praza Vella: «Quixemos rematar a xornada en Ferrol Vello porque Ferrol naceu alí e hoxe é a imaxe de morte da cidade se non somos quén de amañalo. Nós, poñeremos toda a carne no asador» sinalaba Grandal.
O tamén voceiro, Xesús Anxo López Pintos, destacou que a elección de Ferrol Vello tamén responde a outros dous motivos: a CIG solidarízase cos veciños e veciñas do barrio -«Imaxe económica e social de Ferrol»-, á vez que esixe o recoñocemento da figura de Carvalho Calero.
