Publicidad

A cirurxía do nervio pudendo, primeira sesión clínica xeral do ano da Xerencia de Ferrol

FERROL360 | Xoves 28 xaneiro 2016 | 17:30

A Xerencia Integrada de Ferrol abordou este xoves a cirurxía do nervio pudendo na primeira sesión clínica xeral do ano. Profesionais de diversas especialidades asistiron á intervención da cirurxián, María Teresa García, facultativa adxunta do Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras, que afondou nesta doenza e a súa abordaxe cirúrxica.

García formouse en Francia cun neurocirurxián pioneiro neste eido e agora ela realiza este tipo de abordaxe cirúrxica en Galicia. Na sesión deste xoves compartiu a súa experiencia cos profesionais de Ferrol.

A neuralxia pudendo é unha enfermidade que se produce cando se atrapa o nervio pudendo e implica que «a persoa afectada non se pode sentar, xa que sofre diversas dores de tipo neuropático na zona do ano e xenitais», explicou a facultativa.

Dada a súa sintomatoloxía e a coincidencia con outras patoloxías, os pacientes acoden inicialmente a diversas especialidades susceptibles da súa abordaxe, como Rehabilitación, Xinecoloxía, ou Uroloxía. Na Xerencia Integrada de Ferrol existe unha Unidade de Chan Pélvico, que aborda cuestións relacionas con este ámbito.

Tipos de cirurxía

Na sesión clínica deste xoves, García abrangueu a orixe da doenza; os estudios relacionados coa mesma, afirmando que hai pouca literatura científica ó respecto; o seu xeito de cribar ós pacientes que refiren dor crónica pélvica, ata chegar a que esta estea relacionada co nervio pudendo.

Por último, falou dos tipos de cirurxía que se poden empregar para tratala cirúrxicamente, como a perianal, a transisquiorrectal; ou transglútea. Esta última é a técnica que ela utiliza e que, segundo explicou «en Europa, só a fan en Francia; e en España, aquí en Galicia», dixo a facultativa.

A técnica consiste en liberar o nervio e non se acada unha curación do 100 %, «xa que a lesión no nervio é irreversible», pero si se consegue unha mellor calidade de vida. «Son poucos pacientes os susceptibles de se operar, e require un adestramento e aprendizaxe necesario, ademais de traballar con moitos casos», concluíu a cirurxián.