FERROL360 | Mércores 2 xullo 2014 | 19:07
Os inquilinos do piso tutelado da Asociación Nuestra Señora de Chamorro recibiron recentemente a visita da concelleira de Promoción Social de Narón, Teresa Sabio. A vivenda está situada no termo municipal de Narón e foi cedida por un particular para desenrolar o Proxecto para o Desenvolvemento da Autonomía a través de Vivendas de Inclusión, Prodavi.
O proxecto de vivenda tutelada naceu no mes de setembro de 2013 e ten como destinatarios a 30 adultos con discapacidade intelectual -con idades comprendidas entre os 20 e os 45 anos-, con necesidade de apoio intermitente ou limitado e con ausencia de problemas graves de conduta. Os beneficiarios do proxecto son 18 homes e 12 mulleres, divididos en grupos rotatorios de 6 usuarios que permanecen no piso un período de 3 meses.
A estadía no piso é de luns a venres de 17:00 a 09:00 horas. O resto do tempo permanecen nas instalacións da asociación, xa que durante a mañá realizan as actividades do obradoiro ó que pertencen e pola tarde asisten en grupo ás actividades preparadas pola responsable do proxecto, e que están encamiñadas á preparación para a vida independente.
O Prodavi ten como principal obxectivo prestar os apoios e o acompañamento necesarios para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual que desexan vivir de xeito independente. Este programa lles ensina a adquirir os coñecementos, habilidades e destrezas necesarias para a realización das tarefas e actividades do fogar e para unha axeitada hixiene persoal.
Debate sobre el post