Publicidad

A corporación naronesa recibe á Selección Nacional de Fútbol Sala de Vietnam

FERROL360 | Xoves 10 abril 2014 | 15:44

A Selección Nacional de Fútbol Sala de Vietnam prepara en Narón a súa participación no Campionato Internacional de Asia e xogará esta fin de semana o VII Trofeo Cidade de Narón de Fútbol Sala.

Este xoves, a corporación municipal de Narón ofreceu unha recepción institucional á plantilla e corpo técnico da selección, integrada por 24 persoas. O equipo vietnamita estará na localidade ata o vindeiro 21 de abril para preparar o Futsal Championship Vietnam 2014, que se disputará do 30 de abril ó 10 de maio nese país.

Ademais, o día 14 de abril xogará contra o Santiago Futsal, o día 15 de abril contra o Burela Fútbol Sala, o día 18 de abril contra O Parrulo e, finalmente, o día 20 de abril pechará o ciclo enfrontándose ó Cidade de Narón Futsal.

O seleccionador nacional de Vietnam, Bruno García, que é orixinario de Narón, agradeceu ó Concello de Narón a súa hospitalidade e asegurou que «vimos ilusionados por aprender do fútbol sala español e con gañas de chegar ó máximo nivel posible».

O delegado da selección nacional tamén agradeceu ó Concello a acollida e o recibimento logo dunha longa viaxe dende Vietnam. «Vimos a Narón coa intención de adquirir novas aprendizaxes en España porque este país ten o mellor fútbol sala do mundo», asegurou Tran Anh Tu.

Recepción da corporación naronesa á Selección Nacional de Fútbol Sala de Vietnam (foto: Concello de Narón)
Recepción da corporación naronesa á Selección Nacional de Fútbol Sala de Vietnam (foto: Concello de Narón)