FERROL360 | Xoves 3 decembro 2015 | 17:30
Facer de NÓS, Candidatura Galega «a voz e a forza da nosa comarca» é o obxectivo dos candidatos do grupo ao Senado pola comarca de Ferrolterra. Secundino García, Beatriz Bascoy e Manuel Polo aseguran estar «ilusionados por formar parte dunha candidatura que provén da pluralidade, da xenerosidade e do compromiso con Galiza».
Tamén indican que son «conscientes da responsabilidade de facer nosa a reclamación dunha comarca que quere defender o dereito a producir, vivir e traballar na propia terra». Asimesmo, defenderon o traballo dos deputados nacionalistas no Congreso, «levando iniciativas para reverter os plans de desmantelamento» do Goberno central.
O grupo asume como prioritaria a defensa do naval, a agroindustria e do sector pesqueiro, así como a defensa do saneamento da ría, a loita contra o desmantelamento dos servizos públicos e sociais básicos e a demanda das infraestruturas de comunicación para vertebrar a comarca.
Defenden a posta en marcha de «políticas de incentivación dos sectores produtivos, creando emprego e favorecendo o asentamento da poboación; en troques das sangría demográfica que padecemos» para así, rematar co «éxodo obrigado de milleiros de mozas e mozos».
Os candidatos de NÓS entenden que para impulsar esas accións é preciso contar cunha «voz e unha forza que aposte por mudar o actual marco político, loitando por dotar a Galiza de capacidade sobre as cuestións das que depende o futuro da nosa comarca».
Debate sobre el post