FERROL360 | Domingo 27 novembro 2016 | 14:15
A empresa TRAGSA iniciou esta semana os traballos de reparación da pasarela de madeira que bordea a ribeira da ría como continuación do paseo marítimo de San Valentín. As obras están promovidas pola Demarcación de Costas a instancias do Concello.
O goberno local informou ao departamento do mal estado da estrutura e das varandas, alertando ademais do perigo que supuña para as persoas usuarias. Estímase que os traballos rematarán aproximadamente en dez días e o acceso a este tramo do sendeiro de San Valentín permanecerá cortado ata que finalicen.
A pasarela vai desde o cabo do paseo marítimo ata o lugar de Conces de Abaixo, preto do límite co Concello de Neda. Trátase dunha zona pola que diariamente pasan ducias de persoas paseando ou facendo deporte e que, ademais, forma parte dos itinerarios deseñados polo departamento de Turismo para coñecer o territorio.
O primeiro paso que se deu foi o de retirar os pilotes, as varandas e o entarimado de táboas danadas. O seguinte é reconstruír o tramo con materiais novos e reforzándoo con formigón polo lado da ribeira.
Xuntanza con Portos de Galicia
E en relación co mantemento da banda fenesa da ría, o alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Justo Martínez,
manterán unha xuntanza este luns ao mediodía en Santiago co director do ente público Portos de Galicia, José Ignacio Villar.
Na reunión abordarase, entre outras cuestións, a recuperación da ribeira de Barallobre.
Debate sobre el post