Ferrol360 | Mércores 23 agosto 2017 | 11:06
A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión definitiva do programa de subvencións dirixidas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade e a competitividade, así coma a realización de actividades turísticas durante o ano 2017.
En total, a Deputación concedeu 650.000 euros a oito entidades de toda a provincia. Esta liña de axudas responde á vontade do goberno provincial de promover os seis xeodestinos da provincia, fomentando un turismo de calidade e impulsando a profesionalización e a modernización do sector turístico.
Por ese motivo, para a concesión das achegas valoráronse especialmente os plans de formación e de actualización dos profesionais do sector. As axudas provinciais financian tamén a organización e celebracións de eventos e o desenvolvemento de novos produtos, co obxectivo de dinamizar e diversificar a oferta turística no entorno.
O xeodestino de Ferrolterra é o que máis achegas concentra, un total de 180.000 euros que se reparten entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.
A primeira recibe 100.000 euros para elaborar un plan de promoción das Rías Altas a través de diversos eventos e a creación de bonos de experiencias. Mentres que á segunda se lle concederon 80.000 euros para potenciar rutas coma a das Meninas de Canido ou o Camiño Inglés e mellorar a xestión técnica da entidade.