FERROL360 | Martes 3 marzo 2015 | 16:37
O vindeiro martes 10 de marzo abrirase a convocatoria de bolsas de investigación para titulados universitarios da Deputación da Coruña. Estas bolsas están destinadas a aqueles titulados que pretenden desenvolver un traballo investigador de, polo menos, nove meses de duración.
Para a área de Ciencias haberá catro bolsas, outras tres para as Ciencias Sociais e Xurídicas e catro máis para as Ciencias da Saúde. Respecto á Enxeñería e Arquitectura ofrécense dúas axudas e ata cinco na área de Artes e Humanidades.
En total, a partida para este fin é de 137.250 euros que se distribuirán en 18 asignacións de 7.625 euros cada unha. As bolsas abonaranse en dous prazos, o primeiro do 75 % da contía tras aceptar a bolsa, e o 25 % restante despois da presentación da memoria final da investigación levada a cabo.
Os interesados en participar nesta convocatoria teñen de prazo para presentar as súas solicitudes desde as 00:00 horas do 10 de marzo e ata as 14:00 horas do 10 de abril. A Deputación publicará na súa web e no taboleiro de anuncios a relación dos admitidos e excluídos, que disporán de 10 días para reclamar.
Poden consultarse as bases completas da convocatoria no BOP deste martes.
