FERROL360 | Domingo 8 marzo 2015 | 17:00
A Deputación da Coruña convoca este ano dez galardóns culturais e outro do departamento de igualdade por un valor superior aos 116.000 euros. O certame de banda deseñada Castelao chega á súa X edición e xa está aberto o prrazo de presentación, que se prolonga ata o 6 de abril. O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada.
Tamén repite o Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez, que chega ás dez convocatorias. O prazo de participación será do 1 ao 30 de xuño. Neste caso o gañador tamén se levará 6.500 euros e a participación nunha exposición na Fundación CIEC de Betanzos. Tamén haberá dous accésits con becas de matrícula nun módulo do máster de Obra Gráfica impartido na mesma fundación.
Por outra banda, o Luís Ksado de fotografía pasa a partir de agora a ser anual e repite convocatoria chegando xa á XII edición. A presentación de traballos está aberta ata o 28 de agosto. O gañador recibirá 6.500 euros.
Tamén poden remitirse xa á Deputación traballos de narrativa que opten ao galardón Torrente Ballester e que está dotado con 25.000 euros e a publicación da obra. O prazo de presentación de orixinais remata o 1 de xullo.
Premios de Música
O XI premio de composición musical Andrés Gaos está dotado con 6.500 euros,e o prazo de presentación finaliza o 15 de abril. No caso do VII Concurso de rock da Deputación finaliza o 15 de maio e o xurado realizará unha primeira selección de cinco grupos despois da audición dos discos recibidos.
Os seleccionados accederán á seguinte fase de actuación en directo. Do concerto sairá a orde dos gañadores. O primeiro clasificado recibirá 3.000 euros, o segundo e terceiro 1.500 euros cada un, e o cuarto e quinto 1.000 euros.
Novidades
O XVII Premio de Teatro Rafael Dieste, o X Premio de Ensaio Manuel Murguía, e o X premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa están dotados cun premio de 6.500 euros cada un e a publicación da obra premiada. O prazo de presentación de traballos remata o 6 de abril.
Os interesados en participar no Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo poden enviar os seus traballos ata o 15 de maio. Como premio, a Deputación comprará e exporá as obras seleccionadas por un importe total de 40.000 euros.
Igualdade
O Concurso de Viñetas, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller, este ano leva por título de ELAS. O galardón pretende nesta ocasión reivindicar e visualizar o papel da muller no sector primario na provincia da Coruña.
Poden presentarse persoas de entre 12 e 18 anos de xeito individual ou en grupo, exceptuando aqueles que xa foron seleccionados en anteriores edicións. Os participantes divídense en dúas categorías entre 12 e 14 anos e entre 15 e 18.
En ambos casos o primeiro premio consistirá nun IPAD e unha colección de cómics, mentres que o segundo e terceiro estará composto por unha tableta e outra colección.
