Ferrol360 | Xoves 27 xullo 2017 | 12:02
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo Menor, asinaron este mércores un convenio de colaboración, por importe de 125.000 euros, para financia os gastos do funcionamento do Museo da Construción Naval.
O acordo supón o financiamento do 80 % dos gastos anuais de Exponav e con el a Deputación quere contribuír a difundir e por en valor a tradición naval da comarca. Ademais, esta achega servirá para o financiamento de diversas actividades, coma exposicións e eventos, que terán lugar ata xullo do 2018.
O presidente provincial ratificou que a Deputación «ponse a disposición da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval», que definiu coma «un gran instrumento de potenciación económica e turística para a cidade e a comarca de Ferrol».
Así mesmo, a Deputación colabora no financiamento de becas e axudas ao estudo, os servizos de atención aos visitantes do Museo da Construción Naval, o mantemento das instalacións e a ampliación e remodelación de material expositivo, ademais doutros gastos derivados do funcionamento da Fundación.
González Formoso reuníuse este mércores por primeira vez co novo Almirante Xefe, Antonio Duelo Menor, quen tomou posesión do seu cargo o pasado 23 de xuño. O presidente da institución provincial salientou que «foi un primeiro encontro moi construtivo entre dúas institucións que manteñen unha longa traxectoria de colaboración desde fai décadas».
Noutro orde de cousas, González Formoso tamén se interesou por coñecer o resultado das obras da cuberta do edificio de Herrerías, que foi rehabilitada con financiamento da Deputación. Coa achega provincial de 200.000 euros, instaláronse tellas cerámicas, substituíronse os vellos lucernarios centrais e reparáronse as 49 xanelas tipo velux da parte superior do inmoble, co obxecto de evitar as filtracións de auga no edificio, que data do século XVIII.
Debate sobre el post