FERROL360 | Domingo 10 xaneiro 2016 | 17:11
Grupos musicais de nenos e nenas de ata 12 anos competirán no novo concurso «Quero cantar», unha iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña para promover o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical.
A primeira edición deste certame busca animar aos nenos a usar a nosa lingua a través da música nunha competición que se desenvolverá en tres fases e rematará no mes de maio, cunha gala que terá lugar no Teatro Colón da Coruña.
Do 15 de xaneiro ao 15 de abril estará aberto o prazo para a presentación de solicitudes para participar no concurso. Poderán inscribirse grupos musicais formados por un máximo de dez pequenos, dos cales, cando menos a voz ou voces solistas ou as participantes de ser coral, deben ter menos de 12 anos de idade.
As cancións terán que ser en galego e os grupos deberán enviar unha maqueta en formato audiovisual ou só audio con música orixinal e inédita que non fora difundida. As solicitudes, acompañadas da documentación pertinente remitiranse ao correo electrónico cultura.concursoinfantil@dacoruna.gal ou entregaranse no Rexistro Xeral da Deputación.
Clasificacións
As dez propostas mellor clasificadas gravarán en estudio a súa canción que será editada no CD Quero Cantar 16. Un xurado designado pola Deputación realizará a primeira selección das maquetas e será unha votación pública a través da rede Facebook, que se desenvolverá dos días 18 a 22 de abril , quen decida as dez propostas que formarán parte do disco que se editará tras o concurso.
As cinco máis valoradas pasarán á fase final que será a gala do Teatro Colón da Coruña na que cada unha das agrupacións interpretará en directo a súa canción. Cada grupo recibirá 200 euros en concepto de desprazamento.
Os tres grupos gañadores recibirán 300, 200 e 100 euros en material musical o primeiro, segundo e terceiro clasificado. O que quede no primeiro posto terá oportunidade de gravar un videoclip da canción gañadora.
Ás bases completas pódense consultar nesta ligazón.