[two_third]
FERROL360 | Martes 20 xaneiro 2015 | 13:34
A listaxe de admisións provisionais da Escola Infantil Municipal de San Sadurniño xa saíu publicada. En total hai 19 solicitudes, todas elas admitidas, máis unha presentada fóra de prazo que, de acordo co regulamento da EIM, ten que incluirse na lista de agarda malia haber prazas dispoñibles.
Desde o Concello indican que se trata dun requisito administrativo que é necesario cumprir, dado que calquera solicitude presentada fóra dos prazos oficiais debe considerarse como parte da lista de agarda e resolverse unha vez que se tramiten as que si se presentaron a tempo.
Ademais, o propio regulamento de funcionamento da escola sinala que as vacantes se adxudicarán a medida que se vaian producindo e seguindo rigorosamente a orde de puntuacións obtidas polas persoas que formen parte desa lista. En todo caso, nesta fase de posta en marcha do centro hai prazas dabondo en todas as unidades, así que esa solicitude debería ter asegurado o acceso.
Este luns ábrese un prazo de reclamacións, que se prolongará ata o 24 de xaneiro, e a listaxe definitivo de admisións publicarase o día 26 de xaneiro. Se se confirman todas as peticións presentadas, o centro abrirá as súas portas o luns 2 de febreiro con 20 nenos procedentes de San Sadurniño, Narón, Moeche, As Pontes e As Somozas.
Escola Infantil Municipal de Xuvia na Galiña Azul
A Escola Infantil Municipal de Xuvia está máis preto de integrarse na rede de escolas A Galiña Azul. O prazo de prematrícula para o curso 2015/2016 destas escolas se abrirá a finais do mes de febreiro e na relación de centros ofertados xa se incluirá a Escola Infantil de Xuvia. Posteriormente, se materializará o acordo de adhesión deste centro á rede autonómica.
A Escola Infantil de Xuvia dispón de 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos de idade e funciona actualmente a través dunha empresa privada, estando cofinanciada entre a Xunta, o Concello de Narón e as aportacións dos usuarios. Foi construída polo Concello e abriu as súas portas en decembro do 2014, sumándose así á oferta de garderías públicas en Narón.
A integración das EIM de A Solaina, A Gándara e Piñeiros á rede autonómica de A Galiña Azul queda pendente para o futuro. Na actualidade, o Concello vén de sacar a concurso público este servizo por un prazo de dous anos, non prorrogables, cun valor estimado do contrato de 2.717.720 euros.