Publicidad

A escritora ferrolá Ana Isabel Bello presentará este venres en Neda o seu último libro

FERROL360 | Xoves 7 febreiro 2019 | 9:11

A Casa das Palmeiras de Neda acollerá este venres a presentación do libro Los soldados del Tercio Norte y las Tres Españas en la Guerra de Cuba, da escritora ferrolá Ana Isabel Bello Platas. O acto dará comezo ás 20.30 horas e ademais da escritora na cita participará a concelleira de Cultura, Cristina Bouza Bellón.

A autora utiliza como fío condutor o testemuño de Jerónimo Blanco, soldado de Infantería de Marina ferido na guerra de Cuba, para contextualizar un feito histórico e interpretar os acontecementos que tiveron lugar en Piedra Picada (Cuba), divulgando datos inéditos sobre os homes que no ano 1895 formaban parte da dotación do cuartel de Nuestra Señora de los Dolores del Tercio Norte de Ferrol.

Ana Isabel Bello Platas é licenciada e doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, tamén é relatora en moi diferentes foros e articulista nas revistas deNeda e Gallaecia. Asimesmo, tamén ten editado artigos sobre a antiga fábrica de moedas de Xuvia.

Ademais do libro que se presentará este venres en Neda, Ana Isabel Bello tamén é autora das obras: La Ceca de Juvia. La última fábrica de la moneda de Galicia; La fabricación de fusiles en la ría de Ferrol e La capilla de Serantes, editados por Embora, e A enerxía do planeta i El pazo Libunca, editados polo Concello de Narón.