FERROL360 | Domingo 1 maio 2016 | 17:44
A Federación Comarcal de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra organiza esta semana tres charlas informativas dirixidas a toda a comunidade edcuativa e, especialmente, ás nais e pais de alumnos que actualmente cursan 3º e 6 curso de Educación Primaria para falar sobre a LOMCE e as reválidas.
Desde FEANPs explican que estas charlas teñen por obxecto «trasladar ao conxunto da comunidade educativa a visión que temos destas probas e debater co conxunto das familias unha visión alternativa e realista das mesmas».
Ante a decisión da Consellería de Educación de continuar co calendario de implantación da LOMCE e a realización ao longo deste mes das reválidas de terceiro e sexto curso de Educación Primaria, a entidade quere manifestar o seu «total e absoluto rexeitamento á LOMCE», así como denunciar a campaña de desinformación ás familias sobre as reválidas.
Para FEANPs, a Consellería está a promover «unha intencionada desinformación ás familias sobre o carácter excluínte destas probas e sobre as súas verdadeiras consecuencias», tanto no alumnados como nos propios centros educativos.
A primeira das charlas terá lugar este martes, ás 19:00 horas, no centro cultural Carvalho Calero, en Ferrol. O mércores 4 de maio celebrarase na casa da cultura de Valdoviño, ás 19:30 horas, e o xoves 5 de maio no Auditorio de Narón, ás 18:00 horas.
Debate sobre el post