FERROL360 | Xoves 11 xuño 2015 | 17:38
O vindeiro luns 15 de xuño terá lugar unha concentración en protesta pola implantación do novo sistema de axudas e para reivindicar a gratuidade dos libros de texto e o material escolar. Esta mobilización, convocada pola Confederación de ANPAS galegas e apoiada pola Federación comarca, terá lugar diante do edificio da Xunta de Galicia en Ferrol ás 20:00 horas.
A convocatoria desta concentración foi un dos puntos aprobados na asemblea que a Federación Comarcal de ANPAs de Centros Públicos de Ferrolterra celebrou este mércores. Unha xuntanza na que tamén sairon adiante acordos como demandar á Xunta de Galicia a volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto no vindeiro curso 2015-2016.
Así como rexeitar o chamado «fondo solidario» e as axudas para libros de texto, por considerar que «non dan resposta ás necesidades das familias, nin se axustan á obriga constitucional dun ensino obrigatorio gratuíto». Desde a Federación tamén solicitarán á Xunta o establecemento da prórroga da vixencia obrigatoria de todos os libros de texto para o vindeiro curso.
Así mesmo, advertirán á Consellería de Educación que os Bancos de Libros que organice son integramente da súa competencia e deben ser xestionados cos seus propios medios, sen implicar nin ás ANPAS, nin ao persoal docente dos centros educativos. Neste senso, pedirán ás ANPAS que no vindeiro curso só xestionen os bancos de libros nos que veñen traballando en cursos pasados.
Por último, lembran desde a entidade que a gratuidade universal dos libros de texto, a través do sistema de préstamo, foi implantado por un goberno do PP e continuado polo goberno bipartito PSOE-BNG, «alcanzando este modelo grande éxito e aceptación, que ademais supuxo a implantación dunha demanda permanente das familias galegas».
A Federación insiste en que ese sistema «supón un enorme aforro económico, tanto para a Administración como para as familias, sendo recomendada a súa implantación pola Defensora do Pobo e o Consello Escolar de Galicia».
Debate sobre el post