FERROL360 | Mércores 21 outubro 2015 | 19:25
A fotógrafa pontesa Bandia Ribeira é a gañadora do XII Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado, da Deputación da Coruña, coa serie titulada «O voo do midgie». A obra da fotoxornalista impúxose sobre as 109 que se presentaron a esta nova edición do premio Luís Ksado, convocado polo organismo provincial e comisariado polo fotógrafo Xurxo Lobato.
O fallo indica que «a obra gañadora trata un tema de actualidade, utilizando unha linguaxe contemporánea, con lírica e sensibilidade». Trátase dunha fotografía «horizontal e empática» que «presenta un concepto novo da familia e revisa o concepto de proscripción e marxinalidade», engade o xurado.
«Hai unha linguaxe críbel, de verismo fotográfico: é un soño dramático». A autora da obra fuxe de premisas reparadoras e sanitarias; lévanos da súa man a un umbral de periferia social en permanente revisión: a autora dinos «somos nós», explica o fallo.
Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Compostela e pola Karlova Univerzita de Praga, Bandia Ribeira cursou o Postgrado de Fotoperiodismo na Universitat Autónoma de Barcelona e o grado de Fotografía Documental na University of South Wales de Newport.
Na súa experiencia profesional, Bandia Ribeira traballou como fotoxornalista en El Progreso, delegación da Mariña, colaborou coa Fundació per la Innovació i la Acció Social e foi asistente de fotografía da Agencia Lusa en Viseu.
A súa obra foi exposta en mostras individuais e colectivas, ademais de na Galiza, en Gales, Cataluña, Rumanía, Alemania, Portugal. O Ksado súmase a outros premios recibidos pro Bandia Ribeira como a mención de honra de Foto Visura Spotlight grant ou o Premio Ciutat de Barcelona.
O xurado estivo composto polo fotoxornalista Ricky Davila, o artista da fotografía Pierre Bonnord, a fotógrafa Ana Lage, galega e profesora na Universidade Autónoma de Barcelona e a profesora da Escola de Belas Artes de Porto e comisaria artística Ángela Ferreira. O deputado da área de Cultura, Xosé Regueira actuou como presidente, sen voto.