FERROL360 | Domingo 10 decembro 2017 | 13:45
A Fundaçom Artábria pon en marcha un ano máis o concurso escolar Conhecendo o Apalpador co que a entidade busca promover o coñecemento da figura do xigante carboeiro do Courel entre os máis pequenos.
O Apalpador é a figura mítica dun carboeiro que, tal e como indica a tradición, nas zonas do leste de Galicia baixa das montañas a noite do 24 ou do 31 de decembro para apalpar o ventre dos nenos e comprobar se comeron ben durante todo o ano e así deixarles un montón de castañas, algún agasallo e bos desexos para o ano que entra.
No VI Concurso Escolar Conhecendo o Apalpador poderán participar todos os nenos desde os 3 aos 12 anos, divididos en tres categorías: de 3 a 5 anos, de 6 a 8 anos e de 9 a 12 anos. Para poder participar, cada neno terá que presentar un debuxo orixinal con calquer material ou técnica, relativo á figura do Apalpador nunha folla de tamaño A4.
Terán que enviar o debuxo antes do 23 de decembro ao enderezo da entidade (Fundaçom Artábria, Travessa de Batalhons nº 7, baixo, Ferrol) nun sobre onde conste ‘Concurso de debuxo conhecendo o Apalpador’ e o curso onde está matriculado. No interior deben figurar os datos persoais: nome e apelidos, idade, curso e o centro educativo, ademais da autorización dos pais ou tutores.
Haberá tres premios por cada categoría que consistirán nun lote de productos relacionados co Apalpador e o xurado estará composto por unha persoa da directiva de Artábria, dúas persoas do mundo das artes plásticas e o propio Apalpador.
Os gañadores daranse a coñecer o 26 de decembro na web da entidade e os premios serán entregados polo propio Apalpador o 29 de decembro no local de Artábria.