FERROL360 | Sábado 1 outubro 2016 | 19:15
Dende este mesmo sábado e ao longo de todo o mes de outubro a Fundaçom Artábria celebra o seu 18 aniversario cunha programación de actividades ben completa e para todas as idades. «Dezoito anos trabalhando pola defesa da nossa cultura, os valores solidários e os direitos históricos do nosso País», lembran dende a entidade.
Este sábado ás 21:00 horas no seu local de Esteiro terá lugar a inauguración da exposición fotográfica que repasa a súa traxectoria durante estes anos. Ficará aberta durante todo o mes.
O vindeiro venres 7 o Doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios de galego e portugués, Xulio Carvalho, falará nunha palestra sobre Naçom e reivindicaçom na Banda Desenhada galega.
O sábado 8 haberá sesión vermú ás 12:30 horas con petiscos e cantadas de Manolo Bacalhau e Xurxo Souto. Ese mesmo día, á noite, Os três trebóns tocarán dende as 23:00 horas con entrada de balde.
O venres 14 dende as 21:30 horas proxectaranse diapositivas da historia de Artábria e o venres 21, tamén ás 21:30 horas, a compañía Damecuerda que teatro presentarán a obra O escorial, con entrada libre.
O sábado 22 agardan a chegada do ska vigués de Liska! dende as 23:00 horas e con acceso de balde. Xa o venres 28 os máis pequenos prenderán a facer bolechas para o Samaín dende as 19:00 horas con Maru Alonso. E para nenos a partir de 4 anos e cómpre inscribirse no antes 671 200 160.
O sábado 29 festa rachada coa cena de aniversario cun menú a base de sopa, lacón asado con cachelos, agua ou viño, máis sobremesa. Haberá opción vegana á demanda, aseguran. O prezo é de 10 euros para socios e 12 para non socios. Pódese reservar no enderezo correiodeartabria@gmail.com.
Será o luns 31 outubro cando finalicen as actividades celebrando a noite de Samaín dende as 20:00 horas cun obradoiro infantil de decoración de cabazas e maquillaxe, con liscos tamén a 1 euros.