Publicidad

A Fundaçom Artábria mantén viva a pegada de Carvalho Calero no 27 aniversario do seu pasamento

FERROL360 | Domingo 26 marzal 2017 | 11:32

Como cada 25 de marzal, data na que finou o profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero en 1990, a Fundaçom Artábria achegouse ata as ruínas do que nalgún tempo debeu chamar fogar ese home que tanto fixo pola lingua galega.

Vendo esas tapias a piques de derrubarse, polas que ningún Goberno foi quen de facer nada -como lembra este poema da Fundaçom-, semella non ser alleo que a Real Academia Galega non recoñecera ao profesor no Día das Letras. Como agardar unha homenaxe galega se dende Ferrol non somos capaces nin de manter o seu fogar en pé?

O concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, estivo presente na homenaxe, á que tamén asistiu o voceiro do BNG, Iván Rivas. Na rúa San Francisco o acto comezou ás 12:30 horas coas intervencións de Maurício Castro, da directiva da Associaçom de Estudos Galegos, e Vitor Santalha de Artábria. Iolanda Teixeiro e Iolanda Gomis foron as encargadas dos versos e Manolo Bacalhau da música. A presentación correu a cargo de Lam Couce.

Bandeiras laranxas cun «nh» ben grande para reivindicar a Carvalho como o pai do reintegracionismo, ao ser seu principal ideólogo, non podía faltar unha das súas frases máis lembradas, que ficaba escrita na pancarta que presidía a homenaxe: «O galego ou é galego-português ou é galego-castelhano. Nom há outra alternativa».

O Concello mandou un ano máis unha coroa ao camposanto de Boisaca onde descansan os restos de Carvalho (cedida)
O Concello mandou un ano máis unha coroa ao camposanto de Boisaca onde descansan os restos de Carvalho (cedida)