
FERROL360 | Venres 25 marzo 2016 | 12:50
A Fundaçom Artábria, unha das entidades que máis traballa a prol do recoñecemento da figura do profesor Ricardo Carvalho Calero, promove este sábado ás 12:00 horas unha homenaxe cando se cumpren 26 anos do pasamento do intelectual ferrolán, ao pe das ruínas da súa casa natal en Ferrol Vello, na rúa San Francisco.
No acto haberá música e poesía, contando ademais coa intervencións de Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Maurício Castro, da Associaçom de Estudos Galegos, e Vítor Santalha, da directiva de Artábria. Ao finalizar haberá petiscos no local da entidade, no barrio de Esteiro.
Homenaxe do pobo de Ferrol
Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e morreu en Compostela o 25 de marzo de 1990. Este venres, cando se cumpren 26 anos da efeméride, o Concello ferrolán quixo achegar os seus respectos ao Fillo Predilecto da cidade naval en forma de ramo de flores ao camposanto de Boisaca, onde repousan os seus restos.
Tanto o pleno do Concello de Ferrol, na sesión extraordinaria do 16 de marzo, como o da Mancomunidade de Concellos da ría o día 14, veñen de reclamarlle a Real Academia Galega que recoñeza o legado de Calero e lle adique o Día das Letras Galegas do 2017 ao filólogo e historiador ferrolán.
En canto aos muros que aínda quedan en pe da casa natal de Carvalho Calero, adquiridos polo Concello para rehabilitalos e converter o inmoble nun espazo para a cultura, polo de agora non se coñece ningún plan que impida o seu máis que evidente deterioro.
Debate sobre el post